Rematan as II Xornadas de Conservación do Río

IMG_3256

As II Xornadas de Conservación do Río contaron con gran participación e apoio por parte dos veciños e veciñas de Salvaterra, o que amosa que a sensibilización en defensa do río é cada vez maior.

Máis de 250kilos de lixo recollidos no Tea en Salvaterra nas II Xornadas de Conservación do Río

O sábado 27 a charla-coloquio sobre a auga que tivo lugar na Casa da Cultura de Salvaterra comezou con dúas curtas sobre o conflito da auga; unha delas tiña lugar en Palestina e outra explicaba como os habitantes dun deserto conseguían auga a través da néboa , que logo a usaban para plantar hortalizas e verduras.

A charla contou con gran participación, o que fixo que fose moi dinámica. Marcos Besada, Alcalde de Salceda explicou os proxectos levados a cabo na súa localidade, como a Senda do Río Caselas, Senda dos Humidais e as recuperacións de diferentes fontes como a da Fonte de Agüín, entre outras. Antón Lourenzo, ex-concelleiro do BNG de Salvaterra puxo en valor as augas termais no río Miño e lembrou os beneficios para o turismo, destacando en especial a vea que foi atopada no río Miño en Salvaterra. Do lado máis técnico, Mª Carmén Rodriguez Argüelles profesora na Universidade de Vigo e Directora dun Grupo de Investigación destacou os químicos da auga; os contaminantes, a importancia de tirar os medicamentos en sitios habilitados e como o home contamina as augas.

O domingo 28 dentro da Limpeza dos Ríos Galegos promovida por ADEGA en toda Galiza, recolléronse máis de 250kilos de lixo en apenas 2km, entre os que se atopaban metais, cristais e grandes cantidades de plástico que nalgúns casos foron moi difíciles de retirar, xa que se atopaban no mesmo río.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.