Lazoiro presenta alegacións ao Proxecto Medioambiental da PLISAN

A falta de definición da PLISAN e a pasividade por parte das institucións e promotores fan evidentes á falta de medidas protectoras co río Miño e co medio ambiente en xeral.
Imagen 036
Dende asociación Lazoiro queremos amosar a nosa preocupación no referente ao Proxecto Medioambiental da Plisan e que senón contempla unha serie de medidas mínimas nada nos garante que nun futuro non se poidan repetir traxedias medioambientais nos nosos ecosistemas, principalmente no río Miño. Traxedias como as que se viviron non fai moi tempo no río Tea  polos verquidos de sosa.

Entendemos que a prioridade deste proxecto, debe ser a protección do río Miño, pero sen esquecer a de todo ecosistema onde  se vai desenvolver a urbanización, polo cal dende a asociación Lazoiro, decidimos presentar unha serie de alegacións ao Proxecto Medioambiental inicial.

Entre estas medidas, e principalmente por factores como a  natureza dos efluentes industriais, os cales deben ser tratados de xeito separado das augas residuais urbanas, ou pola proximidade do río Miño e do seu entorno, consideramos que debe existir non só un férreo control sobre que tipo de empresas se instalen na Plisan, senón que esta debe contar cunha depuradora propia, a cal asegure a ausencia de risco de contaminación para este noso entorno privilexiado.

Por outra banda,  o Proxecto onde si aparece a creación de espazos verdes, non recolle, nin amosa interese na protección dos restos arqueolóxicos atopados fai uns anos e que resultaron ser unhas telleiras romanas. Tampouco recolle a importancia da biodiversidade que hai en diferentes humidais e charcas.  Dende Lazoiro entendemos que é unha necesidade que os espazos verdes, recollidos neste proxecto medioambiental, sexan adaptados aos lugares de interese ecolóxico e cultural, para que deste xeito cumpran verdadeiramente a súa función. Tamén debe establecerse o plan de revexetación/recuperación das zonas exluídas do plan sectorial.

Por último, queremos denunciar a falta de ordenación á hora de facer Polígonos Industriais por parte da Xunta de Galicia, en especial debido a súa proximidade entre uns e outros que fai non só, que non teñan sentido,  gastando millóns de euros dos cidadáns e arrasando o noso entorno, senón que ademais son usados como ferramenta electoral a uns meses das eleccións, como é o caso da PLISAN nos últimos anos.

Dende Lazoiro creemos que se realmente Salvaterra aspira a ser un “Xardin sobre o Miño” este debe ser o momento para demostralo, polo que agardamos contar co apoio non só do Concello, senón tamén doutras organizacións culturais e ecoloxistas.

[scribd id=259882318 key=key-CaBf4Ej87xHccNlnzXfu mode=scroll]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.