Localización da noite de astronomía e consellos 2018

Xornada astronomía:

A xornada de astronomía terá lugar este venres 10 de agosto do 2018 a partires das 22:00h, en Salvaterra de Miño, no monte Garradiña, ao lado do depósito de augas do Concello.

No lugar onde se fai a actividade hai sitio dabondo para aparcar, trátase dunha pista asfaltada. Recoméndase levar roupa cómoda e deportiva, ademais de roupa de abrigo, podendo levar mantas…a subida estará sinalizada para facilitar o acceso. Recoméndase seguir o camiño habitual para o  Monte Castelo e logo coller as indicacións para o lugar de observación Miño: https://drive.google.com/open?id=1Byb5Arnlk1xDccSlZGi2QQuZRRU&usp=sharing

[googlemaps https://www.google.com/maps/d/embed?mid=1Byb5Arnlk1xDccSlZGi2QQuZRRU&w=640&h=480]

 

Charla este sábado 28 de xullo na Casa da Cultura de Salvaterra con Estanislao Fernandez de la Cigoña

A Asociación Lazoiro trae un novo capitulo do proxecto “Noites de Faladoiro” cunha entrevista ao escritor Estanislao Fernandez de la Cigoña y Nuñez.

O vindeiro sabado día 28, a asociación Lazoiro trae un novo capitulo do seu ciclo de conferencias “Noites de Faladoiro”, cunha entrevista a un importante escritor galego.

Estanislao Fernández de la Cigoña é un escritor Vigués con mais de setenta obras escritas de carácter cultural e ecolóxico. Algunhas destas obras están ambientadas moitas delas en Salvaterra de Miño e arrededores, sendo o escritor cuxa obra aprofunda máis na nosa zona. Ademais de escritor, como naturalista fundou numerosas asociacións culturais, como o Instituto Galego de Estudios Mariños (IGEM), Estudios e Defensa do Mar (ESDEMAR) e actualmente preside a Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (AGCE) entre outras.

A súa carreira como escritor revertiulle en numerosas condecoracións como a que lle outorgou a Universidade do Miño coa medalla “Encomenda ao merito cultural” ou o premio “Cumbres do Suido”. Pero sen dubida destaca a “Medalla de Galicia” no ano 2005 que lle concede o Parlamento galego.

Este convidado de luxo será o protagonista da sesión de “Noites de faladoiro” que terá lugar na Casa Cultural de Salvaterra de Miño as 20:00 da tarde.

Andaina botánica con Carlos Venade o sábado 26 de maio en Salvaterra

O vindeiro sábado 26 de maio Lazoiro organizará unha nova andaina botánica co divulgador Carlos Venade. Comezará ás 9:30h na entrada do Parque A Canuda en Salvaterra de Miño, será necesario inscrición previa nun dos teléfonos que saen no cartaz.

A duración aproximada será de 4h, para tódolos niveis.

A asociación Lazoiro, en colaboración con outros colectivos, presenta no concello de Salvaterra de Miño 1200 sinaturas en defensa das Covas de Dona Urraca

A asociación Lazoiro, en colaboración con outros colectivos, presenta no concello de Salvaterra de Miño 1200 sinaturas en defensa das Covas de Dona Urraca.

O pasado mércores 21 de febreiro presentáronse no concello de Salvaterra de Miño as máis de 1200 sinaturas recollidas nos últimos meses, en apoio ao manifesto que defende que non se ocupen tódalas plantas das Covas de Dona Urraca para a realización do Museo do Viño. Esta iniciativa nace da man da Asociación Lazoiro en colaboración coa Sociedade Deportiva Condado, PSOE e BNG o pasado setembro de 2017 cando dan comezo as obras na parte inferior das “Minas”.

As obras de musealización das “Minas” nacen entre o secretismo e falta de información xa que non se facilitou o proxecto ata unha vez comezadas as mesmas. Por outra banda, o excesivo gasto de 600.000 € nesta reforma, contrasta cos mais de 240.000 € de fondos FEDER que xa se tiñan invertido na Casa do Conde para o “Museo – exposición Casa do Viño” e que nunca se chegou a poñer en uso. En ningún momento o concello se puxo en contacto co movemento asociativo de Salvaterra nin cos partidos da oposición para falar do proxecto.

Dende Lazoiro, queremos deixar claro que non nos opoñemos á construción Museo do Viño, pero defendemos que a súa construción nas “Minas” carece de sentido xa que a Casa do Conde estaba destinada a ese propósito dende un inicio e se leva invertido niso moito diñeiro público. Por outra banda, esta musealización non permitirá que se realice ningunha outra actividade cultural das que se viñas realizando ata agora como vodas, exposicións ou concertos.

Desexamos que estas 1200 sinaturas recollidas sirvan para que Arturo Grandal e o seu equipo reflexionen e os fagan recapacitar sobre o proxecto e decidan sentarse a escoitar alternativas que beneficien o ben cultural e social de Salvaterra de Miño como así demostrar o descontento da xente coa privación ao pobo das Covas de Dona Urraca.

Lazoiro recupera a memoria transfronteiriza na exposición “Xentes da Raia” cunha curtametraxe

Por terceiro ano consecutivo as Covas de Dona Urraca, dentro do recinto amurallado de Salvaterra, acollerán os días 20, 21 e 22 de outubro unha exposición adicada á memoria organizada pola Asociación Lazoiro.

Esta nova edición, baixo o título “Xentes da Raia” terá como tema principal as relacións entre Salvaterra e Monção antes da construción da Ponte Internacional. Para iso, ademais de fotografías antigas dos diferentes lugares o domingo ás 17:00h, haberá unha proxección dunha curtametraxe dirixida por Gonzalo Castro Martínez, socio de Lazoiro, onde participan veciños e veciñas de Salvaterra e Monção.

A curtametraxe contará cunha serie de conversas que relatan as vivencias relacionadas todos o tempo coa “raia” e foron gravadas nos meses anteriores á exposición. Un dos participantes foi barqueiro na fraguesía de Cortes en Monção e relata moitos de problemas que había para cruzar a Salvaterra.

Ademais de fotografías de tódalas parroquias, como é habitual, este ano tamén haberá diferentes espazos: Espazo Río Miño, adicado ás relacións transfronteirizas onde será tratado por exemplo o “estraperlo”, Espazo Alén Miño, para aquelas persoas que dende Arxentina ou doutros países enviaron correos á asociación para buscar información sobre familiares. Será posible ver tamén diferentes xornais e documentos da época.

Xentes da Raia, na que a entrada, ao igual en edicións anteriores, seguirá sendo de balde, abrirá ao público o venres 20 de outubro de 19:30h a 21:30h, podendo visitarse ao longo de todo o fin de semana do 21 ao 22 en horario de 10:30h a 14:00h, e de 16:30 a 21:30.

Localización da Xornada de botánica e astronomía e consellos

Importante: recordade que para poder participar hai que anotarse e ter recibido a confirmación por parte de Lazoiro.

Información xeral e localización dos eventos: o pagamento farase no momento da actividade, prégase levar a cantidade xusta para o pagamento, dous euros en moedas. Levar roupa cómoda e deportiva.

Andaina botánica:

Andaina botánica, entrada do Parque A Canuda ás 9:30h (na primeira entrada, onde esta habitualmente o kiosko os fins de semana), en Salvaterra de Miño: https://www.google.es/maps/@42.0794194,-8.5017322,18.75z

[googlemaps https://www.google.com/maps/embed?pb=!1m10!1m8!1m3!1d1480.6547137828081!2d-8.5017322!3d42.0794194!3m2!1i1024!2i768!4f13.1!5e0!3m2!1ses!2ses!4v1500592771777&w=600&h=450]

 

Xornada astronómica:

A xornada astronómica terá lugar a partires das 23:00h, no lugar onde se fai a actividade hai sitio dabondo para aparcar, trátase dunha pista asfaltada. Recoméndase levar roupa cómoda e deportiva, ademais de roupa de abrigo, podendo levar mantas…a subida estará sinalizada para facilitar o acceso. Recoméndase seguir o camiño habitual para o  Monte Castelo e logo coller a indicación para o lugar de observación Miño: https://drive.google.com/open?id=1Byb5Arnlk1xDccSlZGi2QQuZRRU&usp=sharing

[googlemaps https://www.google.com/maps/d/embed?mid=1Byb5Arnlk1xDccSlZGi2QQuZRRU&w=640&h=480]

Charla-coloquio para informar do perigo dos herbicidas este venres en Cabreira

A Asociación Lazoiro vai organizar unha charla-coloquio para informar do perigo dos herbicidas este venres ás 20:30h na Casa da Cultura de Xerme na parroquia de Cabreira e contará coa participación de Adela Sánchez Moreiras, profesora e investigadora da Uvigo.

A Asociación Lazoiro presenta unha moción para involucrar ao Concello de Salvaterra na loitar contra os contaminantes hormonais

As administracións locais teñen un papel fundamental na implantación de medidas para reducir a exposición da cidadanía a estes contaminantes.

A asociación Lazoiro continúa facendo fincapé na defensa do medio ambiente e da saúde da veciñanza de Salvaterra, informando e concienciando unha vez máis dos perigos e efectos dos contaminantes hormonais. Pide a implicación da administración para levar a cabo campañas informativas, xornadas coas diferentes asociación do municipio sobre os riscos dos contaminantes hormonais, principais fontes de exposición da poboación e sobre como reducir esta exposición.

A moción (consultar ao final) foi presentada ao grupo de goberno e partidos da oposición coa intención de que sexa tratada no próximo Pleno. Esta moción que consta de oito puntos foi adaptado ás necesidades de Salvaterra pola Asociación Lazoiro, xa que se trata dun modelo creado por Ecologistas en Acción e que xa foi presentado e aprobado en diversos concellos de todo o Estado Español.

Solicítase a prohibición do uso do glifosato e doutras substancias relacionadas na lista de posibles disruptores endócrinos de The Endocrine Disruption Exchange tanto por parte do Concello como por outras administracións, evitando as fumigacións e uso de herbicidas nas beirarrúas, parques e xardíns, espazos públicos, centros escolares, centros sanitarios e calquera outro espazos pechados que poida expoñer innecesariamente á poboación a contaminantes hormonais.

Dentro dos acordos da moción tamén está o fomentar a mobilidade infantil segura e saudable polo que o Concello de Salvaterra de Miño en colaboración cos colexios, ANPAS e demais asociacións ou entidade involucradas elabore un plan de mobilidade infantil para que os escolares vaian andando sós e seguros á escola como xa se vén facendo noutros concellos da Area Metropolitana.

Pídeselle tamén ao Concello de Salvaterra o fomento do consumo de alimentos orgánicos e de proximidade en garderías e comedores escolares, informar anualmente ao Pleno e á cidadanía a través da súa páxina Web sobre os avances no cumprimento deste acordo, así como esixir á Xunta de Galicia a adopción de medidas de redución da exposición destes contaminantes.

23-01-2017_Mocion_Contaminantes_Hormonais.odt(1)

Lazoiro solicítalle ao concello de Salvaterra a instalación de desfibriladores externos nos lugares públicos con máis afluencia de xente.

dextros_salvaterra

Lazoiro considera de vital importancia a instalación de desfibriladores externos en lugares públicos onde hai actividades deportivas con gran afluencia de xente, así como a realización de cursos de formación para o persoal encargado de usar estes medios.

O Pavillón Municipal de Salvaterra ou o Campo de Fútbol do Casal, son algúns dos exemplos que hai en Salvaterra nos cales debido á gran participación de xente e o seu uso deportivo fai de especial importancia a instalación de desfibriladores externos. Lazoiro tamén considera importante a realización de cursos de formación daquelas persoas responsables das diferentes disciplinas deportivas que se dan nas instalacións públicas do noso concello para poder facer un uso correcto dos aparellos.

O uso dos desfibriladores por parte de persoal con coñecementos ante unha parada cardíaca incrementaría ata o 90% as posibilidades de supervivencia nos primeiros cinco minutos, segundo o Foro de Expertos en Desfibrilación, por iso fanse cada vez máis necesarios e xa son moitos os concellos galegos que os teñen instalados.

Ademais, a Asociación Lazoiro ten constancia dunha liña de axudas por parte da Deputación de Pontevedra publicada no “BOPOP” Nº226 do 23 de novembro de 2015, na que saíron publicadas as bases e convocatoria de subvencións a entidades locais da provincia de Pontevedra con poboación inferior a 20.000 habitantes para adquisición de desfibriladores, onde entraría o Concello de Salvaterra, pero que o equipo de Goberno non solicitou

Por todo isto, Lazoiro pediulle ao Goberno de Salvaterra de Miño a instalación destes medios técnicos e a realización de cursos de formación para a boa utilización dos desfibriladores.