Lazoiro presenta máis de 20 propostas para mellorar o medioambiente en Salvaterra

L2

A asociación Lazoiro presentou o venres 24de abril propostas medioambientais no Concello de Salvaterra

Dende fai un tempo ata estas datas, a asociación Lazoiro ven observando unha serie de actuacións e situacións relacionadas co noso medioambiente de Salvaterra de Miño que consideramos, non só como irregularidades a respecto das leis vixentes, senón de profundo dano cara os nosos arredores naturais.

Por todo isto e sendo coñecedores de que este é un tema de profunda relevancia tamén para o noso concello e os membros que o integran, apelamos a eles para que tomen as medidas necesarias tanto de actuación como de concienciación para solucionar estes problemas que non só nos afectan a nós, senón tamén aos visitantes e as futuras xeracións do noso pobo. Por este motivo, a Asociación Lazoiro presentou no Concello unha serie de medidas e recomendacións de carácter ecoloxista na procura de que sexan incorporadas ás actuais competencias e actuacións que se estean levando a cabo .

Como non podería ser de outro modo e como consideración indispensábel, dende a Asociación Lazoiro non só entregamos esas medidas de mellora do medioambiente, senón que nos ofrecemos para traballar, tanto agora como nun futuro, de forma conxunta co concello, xa sexa mediante actuacións concretas ou mediante o aporte de consellos. De este xeito e coa suma de esforzos, creemos que estaremos no camiño correcto para a dinamización e mellora ecoloxista do noso medio rural.

Por todo isto dende Lazoiro facemos un chamamento ao Goberno e asociacións implicados no medioambiente da nosa vila, para formar parte activa dunha mesa de traballo, plural, aberta e horizontal. Deste xeito unificaremos esforzos á hora de traballar nun tema tan importante como é o do medioambiente da nosa vila.

[scribd id=264362236 key=key-d6kdyVgb9yUAxVZqkWRo mode=scroll]

Lazoiro presenta alegacións ao Proxecto Medioambiental da PLISAN

A falta de definición da PLISAN e a pasividade por parte das institucións e promotores fan evidentes á falta de medidas protectoras co río Miño e co medio ambiente en xeral.
Imagen 036
Dende asociación Lazoiro queremos amosar a nosa preocupación no referente ao Proxecto Medioambiental da Plisan e que senón contempla unha serie de medidas mínimas nada nos garante que nun futuro non se poidan repetir traxedias medioambientais nos nosos ecosistemas, principalmente no río Miño. Traxedias como as que se viviron non fai moi tempo no río Tea  polos verquidos de sosa.

Entendemos que a prioridade deste proxecto, debe ser a protección do río Miño, pero sen esquecer a de todo ecosistema onde  se vai desenvolver a urbanización, polo cal dende a asociación Lazoiro, decidimos presentar unha serie de alegacións ao Proxecto Medioambiental inicial.

Entre estas medidas, e principalmente por factores como a  natureza dos efluentes industriais, os cales deben ser tratados de xeito separado das augas residuais urbanas, ou pola proximidade do río Miño e do seu entorno, consideramos que debe existir non só un férreo control sobre que tipo de empresas se instalen na Plisan, senón que esta debe contar cunha depuradora propia, a cal asegure a ausencia de risco de contaminación para este noso entorno privilexiado.

Por outra banda,  o Proxecto onde si aparece a creación de espazos verdes, non recolle, nin amosa interese na protección dos restos arqueolóxicos atopados fai uns anos e que resultaron ser unhas telleiras romanas. Tampouco recolle a importancia da biodiversidade que hai en diferentes humidais e charcas.  Dende Lazoiro entendemos que é unha necesidade que os espazos verdes, recollidos neste proxecto medioambiental, sexan adaptados aos lugares de interese ecolóxico e cultural, para que deste xeito cumpran verdadeiramente a súa función. Tamén debe establecerse o plan de revexetación/recuperación das zonas exluídas do plan sectorial.

Por último, queremos denunciar a falta de ordenación á hora de facer Polígonos Industriais por parte da Xunta de Galicia, en especial debido a súa proximidade entre uns e outros que fai non só, que non teñan sentido,  gastando millóns de euros dos cidadáns e arrasando o noso entorno, senón que ademais son usados como ferramenta electoral a uns meses das eleccións, como é o caso da PLISAN nos últimos anos.

Dende Lazoiro creemos que se realmente Salvaterra aspira a ser un “Xardin sobre o Miño” este debe ser o momento para demostralo, polo que agardamos contar co apoio non só do Concello, senón tamén doutras organizacións culturais e ecoloxistas.

[scribd id=259882318 key=key-CaBf4Ej87xHccNlnzXfu mode=scroll]

Lazoiro pídelle ao Goberno do Concello de Salvaterra que arranxe a mala organización do uso dos espazos públicos

Despois de máis dun ano de reunións co Goberno do Concello de Salvaterra,  a asociación dispón por fin dun local fixo de reunión.

IMG_1748

Os membros de Lazoiro vimos reclamando a cesión dun espazo no que poder levar a cabo o noso traballo, gardar material e realizar as nosas xuntanzas. Dende o Concello sempre se mostraron pouco interesados na nosa situación esquivando as nosas demandas. Xa fose negando de forma directa que nos tiñan que deixar un local, ou simplemente con medios ofrecementos que non arranxaban o problema. Incluso se nos chegou a negar de forma reiterada reunirnos en  ningún espazo da Casa da Cultura de Salvaterra por estar todo ocupado e, cando nos  presentamos in situ no mesmo día e hora que pedíamos, comprobamos que a maioría das instalacións estaban sen ningunha actividade.

Tras moitas reunións, -máis de vinte veces tivemos que reunirnos con Goberno do Concello de Salvaterra- chamadas de teléfono e esforzos, por fin conseguimos que se nos cedera unha  habitación na Casa da Cultura de Salvaterra, a cal, será compartira coas clases de música que se imparten actualmente.

Pese a esta solución ao noso problema, púxose de manifesto a desorganización e mala xestión respecto ao control dos espazos públicos e ao seu correcto uso, posto que a día de hoxe non hai unha constancia de quen ou cando se usan estes  espazos, que deben estar destinados aos grupos e asociacións de Salvaterra.

Por todo isto, a pesar de termos conseguido un local para Lazoiro, entendemos que esta situación non pode continuar así, posto que afecta a todas as asociacións e colectivos que usan os espazos públicos do Concello de Salvaterra. Dende Lazoiro seguiremos esixíndolle ao Goberno do Concello de Salvaterra a mellora da organización e  creación dunha lista e dun calendario sobre o uso destes espazos.

Chandebrito busca voluntarios para recuperar un molino del siglo XVIII

Trátase do Muíño das Loureiras, abandonado nos anos 30 do século pasado e actualmente en ruínas

A Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 formúlase un novo reto para os meses de marzo e abril, pero necesita axuda. Os seus directivos pretenden rehabilitar antes de metade de ano o Muíño das Loureiras, un dos tres máis antigos da parroquia, construído no século XVIII.

O que queda do Muíño das Loureiras // Chandebrito 1807
O colectivo dispón dunha subvención da Deputación de Pontevedra duns 2.000 euros. O seu presidente, Carlos Gómez, asegura que a cantidade só alcanza para afrontar os gastos de materiais e maquinaria. Así, a asociación solicitou colaboración ao Concello de Nigrán, entidades sen ánimo de lucro e persoas interesadas na conservación do patrimonio cultural. Para participar nos traballos, os voluntarios deberán dirixirse ao correo electrónico chandebrito1807@gmail.com ou chamar o 667380223.

O Muíño das Loureiras non está rexistrado en ningún censo, aínda que os expertos datan a súa construción hai case trescentos anos. Funcionou ata a década dos anos 30 do pasado século, cando se construíron os muíños do Regueiro, segundo explica Gómez.

Os actuais propietarios cederon o seu uso a Chandebrito 1807 por 25 anos, un acordo polo que o colectivo cultural se compromete a restauralo e a difundir o seu valor patrimonial.

Precisamente co obxectivo de protexer e divulgar a riqueza etnográfica da parroquia, a asociación reitera ante o Concello e a Xunta a necesidade de catalogar este ben cultural, xunto con outros 37 que se asentan na zona sen inventariar.

Redacción Nigrán, Faro de Vigo Data: 24.02.2015 (Traducido)

http://chandebrito1807.blogspot.com.es/

25 anos do Grupo Ecoloxista ADENCO

adenco

Hoxe (sábado 28) terá lugar no Auditorio Reveriano Soutillo ás 19:00h o aniversario dos 25 anos do Grupo Ecoloxista ADENCO, ademais celebrarase o I Premio Río Tea a Defensa do Medio Ambiente cos gañadores veciños e veciñas de Ribadetea na súa loita para evitar a aplicación de produtos fitosanitarios nos montes da parroquia e da Plataforma SOS Xardíns de Mondariz Balneario, na súa defensa do patrimonio histórico e natural fronte á desenvolvemento urbanístico irracional.

No acto dos 25 anos de ADENCO tamén aproveitará para homenaxear aos seus ex-presidentes.

 

 

Galería de fotos das II Xornadas de Conservación do Río

IMG_3332O  28 e 29 de setembro realizamos as II Xornadas de Conservación do Río dividadas en dous días: o 28 realizamos unha charla-coloquio sobre a importancia da auga na Casa da Cultura de Salvaterra e o día 29 realizamos a limpeza do río Tea dentro das Xornadas Simultáneas de Limpeza dos Ríos galegos impulsadas por  ADEGA. Podedes consultar a galería completa das II Xornadas de Conservación do Río na páxina de Lazoiro no Facebook.

Rematan as II Xornadas de Conservación do Río

IMG_3256

As II Xornadas de Conservación do Río contaron con gran participación e apoio por parte dos veciños e veciñas de Salvaterra, o que amosa que a sensibilización en defensa do río é cada vez maior.

Máis de 250kilos de lixo recollidos no Tea en Salvaterra nas II Xornadas de Conservación do Río

O sábado 27 a charla-coloquio sobre a auga que tivo lugar na Casa da Cultura de Salvaterra comezou con dúas curtas sobre o conflito da auga; unha delas tiña lugar en Palestina e outra explicaba como os habitantes dun deserto conseguían auga a través da néboa , que logo a usaban para plantar hortalizas e verduras.

A charla contou con gran participación, o que fixo que fose moi dinámica. Marcos Besada, Alcalde de Salceda explicou os proxectos levados a cabo na súa localidade, como a Senda do Río Caselas, Senda dos Humidais e as recuperacións de diferentes fontes como a da Fonte de Agüín, entre outras. Antón Lourenzo, ex-concelleiro do BNG de Salvaterra puxo en valor as augas termais no río Miño e lembrou os beneficios para o turismo, destacando en especial a vea que foi atopada no río Miño en Salvaterra. Do lado máis técnico, Mª Carmén Rodriguez Argüelles profesora na Universidade de Vigo e Directora dun Grupo de Investigación destacou os químicos da auga; os contaminantes, a importancia de tirar os medicamentos en sitios habilitados e como o home contamina as augas.

O domingo 28 dentro da Limpeza dos Ríos Galegos promovida por ADEGA en toda Galiza, recolléronse máis de 250kilos de lixo en apenas 2km, entre os que se atopaban metais, cristais e grandes cantidades de plástico que nalgúns casos foron moi difíciles de retirar, xa que se atopaban no mesmo río.

II Xornadas de Conservación do Río

LIMPEZA RIOS set2

A asociación Lazoiro organiza os días 27 e 28 de setembro as II Xornadas de Conservación do Río en Salvaterra, coincidindo coa Limpeza Simultánea dos Ríos Galegos organizada por ADEGA. Nesta edición haberá unha charla sobre a importancia da auga.

II Xornadas de Conservación do Río organizadas pola Asociación Lazoiro

Dende a Asociación Lazoiro, informamos que nos días 27 e 28 de setembro terá lugar en Salvaterra de Miño as II Xornadas de Conservación do Río e que por segunda vez estarán adicadas ao río Tea.

Non limitándose só ao río Tea e coa intención de dar a coñecer a complexa situación que se vive en diferentes lugares do mundo -non tan lonxe como a xente pensa- pola problemática da auga, organizamos estas II Xornadas de Conservación do Río adicadas tamén a auga, na procura de aumentar a información e a concienciación social sobre un tema tan delicado como este; a falta de auga potable. Por ese motivo, estas xornadas estarán dividida en dúas partes.

O sábado 27 ofreceremos na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño ás 18:00, a proxección dun documental sobre a visión existente da auga, tras o cal, contaremos coa asistencia de tres convidados: Mª Carmen Argüelles, profesora da UVIGO, Antón Lourenzo, ex-concelleiro do BNG de Salvaterra e Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas. Nesta charla amosarase diferentes achegas e puntos de vista sobre a situación actual e a problemática da auga e tamén se falará sobre as augas termais no río Miño, a importancia na recuperación das fontes muíños e regatos, así como os beneficios, non só para o noso medio ambiente, senón tamén no turismo ao poñer en valor os nosos recursos naturais e patrimoniais.

Por outra banda, o domingo 28 de setembro ás 9:30 da maña darase inicio a segunda limpeza do río Tea, que comezará na ponte medieval de Salvaterra e que irá integrada dentro do Proxecto Rios organizado pola asociación ecoloxista ADEGA, coincidindo coa Limpeza Simultánea dos Ríos Galegos onde participan numerosos colectivos por toda Galiza.

Participa nas nosas xuntanzas

En Lazoiro queremos que todo o mundo que o desexe teña a posibilidade de participar. Dende fai unhas semanas mudamos o noso método de traballo para facelo máis dinámico, quedamos dúas veces por mes, os xoves, en horario de 19:00h a 21:00h no Salón de Actos da Casa da Cultura de Salvaterra.

Por motivos alleos a nós, non podemos asegurar os días das xuntanzas, pero os anunciaremos varios días antes nas nosas redes sociais en Facebook e Twitter.