Trátase do Muíño das Loureiras, abandonado nos anos 30 do século pasado e actualmente en ruínas
A Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 formúlase un novo reto para os meses de marzo e abril, pero necesita axuda. Os seus directivos pretenden rehabilitar antes de metade de ano o Muíño das Loureiras, un dos tres máis antigos da parroquia, construído no século XVIII.
O colectivo dispón dunha subvención da Deputación de Pontevedra duns 2.000 euros. O seu presidente, Carlos Gómez, asegura que a cantidade só alcanza para afrontar os gastos de materiais e maquinaria. Así, a asociación solicitou colaboración ao Concello de Nigrán, entidades sen ánimo de lucro e persoas interesadas na conservación do patrimonio cultural. Para participar nos traballos, os voluntarios deberán dirixirse ao correo electrónico chandebrito1807@gmail.com ou chamar o 667380223.
O Muíño das Loureiras non está rexistrado en ningún censo, aínda que os expertos datan a súa construción hai case trescentos anos. Funcionou ata a década dos anos 30 do pasado século, cando se construíron os muíños do Regueiro, segundo explica Gómez.
Os actuais propietarios cederon o seu uso a Chandebrito 1807 por 25 anos, un acordo polo que o colectivo cultural se compromete a restauralo e a difundir o seu valor patrimonial.
Precisamente co obxectivo de protexer e divulgar a riqueza etnográfica da parroquia, a asociación reitera ante o Concello e a Xunta a necesidade de catalogar este ben cultural, xunto con outros 37 que se asentan na zona sen inventariar.
Redacción Nigrán, Faro de Vigo Data: 24.02.2015 (Traducido)